• Carnota
  • Carnota
  • Carnota
  • Carnota
  • Carnota

Inicio | Coñece Carnota | Poboación e territorio

Compartir:

Poboación e territorio

Fervenza do Xallas

O concello de Carnota está situado no extremo occidental da Coruña, ao sur de Fisterra, lindando cos concellos de Muros, Dumbría e Mazaricos. A poboación do municipio ascende a 4.605 habitantes, diseminada en 66.4 Km cadrados. O reparto da poboación é moi desigual, concentrándose a súa maioría no Val de Carnota, un inmenso anfiteatro rodeado de montañas e campos que se protexen do mar por dunas e xunqueiras.

A orografía do municipio é accidentada, con alternancia de vales e ladeiras, e non supera os 700 metros de altitude; a maior altura correspóndelle á Moa, cumio do Monte Pindo. A rede hidrográfica está formada por ríos e regatos, entre os que destaca o río de Vadebois, sen esquecernos do Xallas, que serve de límite polo norte co concello de Dumbría, un dos poucos ríos de Europa que desemboca en fervenza (a coñecidísima Fervenza do Ézaro).

Monte Pindo

As principais protagonistas do concello de Carnota na paisaxe son, sen dúbida, as rochas graníticas do Monte Pindo, que formaron un espazo natural incomparable dende o punto de vista xeomorfolóxico.

O clima de Carnota é claramente atlántico, cunha media anual de precipitacións que ronda os 1.650 mm e temperaturas suaves; a media das mínimas en xaneiro é de 11.2ºC e a media das máximas en agosto é de 20.8ºC.

As actividades tradicionais eran, ata non hai moito tempo, a pesca e a agricultura, pero foron perdendo peso. Na actualidade podemos dicir que a riqueza do litoral permite a explotación empresarial dos recursos do mar, sector no que destacan as granxas de rodaballo de Lira e de Quilmas.

O Concello posúe dous portos con actividade pesqueira, o de Lira e o do Pindo.