• Carnota
  • Carnota
  • Carnota
  • Carnota
  • Carnota

Inicio | Patrimonio | Arquitectura popular

Compartir:

Arquitectura popular

Hai en Carnota distintas manifestacións de arquitectura popular, podendo atoparmos con as eiras, os muíños, as fontes, os lavadoiros, as casetas mariñeiras, os pombais, etc.

As eras están directamente relacionadas co ciclo dos cereais e especialmente coa malla do trigo, labor mediante o que se separa o gran da palla. A máis importante encontrámola no conxunto arquitectónico da Igrexa de Santa Columba de Carnota.

Os muíños, vinculados directamente coa produción do millo, tiveron gran importancia na sociedade galega. Ademais da súa finalidade, actuaban como centros sociais, xa que eran lugares de encontro do que dan mostra moitas cantigas populares que se reflicten na literatura galega tanto oral como escrita. Poden ser comunitarios ou de propiedade particular; os ríos e regatos do noso concello están inzados de muíños de auga. No lugar de Quilmas consérvase un conxunto de 18 muíños que seguen o curso do río  ata a desembocadura no mar, aínda que como diciamos, a maioría dos muíños son hidráulicos. En Lariño ao carón do mar, consérvase un muíño de vento, construído polo 1914.

As fontes son abondosas no concello. Habitualmente eran feitas polas comunidades de veciños, que se encargaban do seu coidado e mantemento. En xeral, hoxe en día as fontes teñen un valor fundamentalmente decorativo, nada comparable coa importancia de antes, cando a auga corrente nos fogares era algo imaxinable. Destacan as de Canedo, A Ínsua, a do Pindo, Fontevella de Caldebarcos, San Mamede, Cornido, Sofán, as de Lira, Pedrafigueira, a de Quilmas, etc.

Os lavadoiros non son moi común en Carnota, xa que as mulleres lavaban directamente no río. Os lavadoiros públicos son creación populares cunha funcionalidade específica, construídas co aproveitamento da auga sobrante das fontes. Neles reuníanse as xentes do lugar, fundamentalmente as mulleres, para lavar a roupa. Temos un bo exemplo na parroquia de Lira.

As casetas mariñeiras son construcións populares empregadas polos mariñeiros para gardar os seus aparellos, construídas en pedra e a súa estructura é sinxela. En Carnota, onde a poboación está directamente relacionada co mar, a paisaxe está salpicada destas casetas que aínda na actualidade seguen cumplindo a súa finalidade en moitos dos casos. Destacan a caseta do sal na Boca do Río, as casetas de Lariño, Lira (a Caseta de Pepe do Cuco, restaurada e actualmente alberga un museo de temática mariñeira), Quilmas, O Pindo e Caldebarcos (realizouse non hai moitos anos unha actuación de posta en valor por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Carnota).

Contamos tamén no concello con construcións vinculadas ao mar, como son as fábricas de salazón. Datan do século XIX, elaboradas por cataláns para salgar o peixe. As máis coñecidas son a de Portocubelo, a de Quilmas e a de Caldebarcos.

Pombal en Lira

Os pombais son construcións cilíndricas realizadas en cachotería encintada e caleada, o que lles fai destacar de maneira especial.

A cuberta é cónica con tella de país, rematando en pináculo.

Os máis importantes son o de Maceiras e o de Lariño, pero hai moitos máis.